Sinopse de Lumieiras esquecidas de Ourense
Fernández Carnicero (Ourense, 1967) —en palabras de Chisco Fernández Naval, prologuista desta obra— «é un personaxe singular, deses que florecen nas cidades pequenas pero con alma. Poliédrico, quizais con máis caras das que ofrece a cidade […], escritor; cronista, como xa quedou advertido, e divulgador […]», entre outras facetas vitais e profesionais.
Presentou este texto ao Concurso de edicións e coedicións da Deputación de Ourense no ano 2023, a obra quedou na lista de espera, pero tras editar as primeiras seleccionadas, a Deputación tivo capacidade económica para proceder á súa impresión.
Como o seu autor expresa, o título fai referencia á luz que non podemos agochar, ás cousas públicas que non poden quedar esquecidas por formar parte da historia cotiá, da intrahistoria como concepto unamuniano, dunha cidade como Ourense. O corpo deste libro está formado por unha escolma de artigos de opinión que, con esa mesma intención, Fernández Carnicero redactou e publicou, no seu día, no xornal La Región, diario co que colabora dende o ano 2006. Transitan por estes artigos, temas e personaxes diversos sobre os que o autor pon o foco e a súa impresión, para deixar constancia, para invitar á reflexión e sobre todo, para rescatalos do esquecemento.
A escolma preséntase acompañada das ilustracións elaboradas pola filla do autor, a ilustradora Jocabed Fernández.

