Sinopse de As máscaras dos homes de Nós
A Deputación de Ourense edita a obra de Joaquim Ventura Ruiz As máscaras dos homes de Nós. A obra foi aprobada no Concurso para a Selección de Obras para edición e coedición do ano 2023 e ven a sumarse ás numerosas publicacións existentes ao redor desta Xeración Nós, que permiten poñer en valor a inmensa herdanza que deixaron referentes culturais como Ramón Otero Pedrayo, Vicente Risco, Florentino López Cuevillas, presentes neste libro.
Coa publicación de As máscaras dos homes de Nós, a Deputación de Ourense amosa unha vez máis o seu firme compromiso con aquela xeración que se propuxo poñer a Galicia no lugar que lle corresponde, no contexto estatal ibérico, europeo e internacional e tamén coa ligazón coa nosa emigración.
Desde as institucións públicas debemos manter unha homenaxe permanente ao legado cultural, social e científico que nos deixou a Xeración Nós para salvagardar a súa gran obra e compromiso con esta terra. Porque falar de Ourense é falar do berce da cultura galeguista que acolleu a numerosos escritores e poetas que protagonizaron un dos movementos máis importantes dos últimos séculos.
Joaquim Ventura Ruiz contribúe, desde xa con esta obra a seguir falando, repasando e debullando o pensamento político e a gran influencia social e cultural de Nós baixo unha perspectiva un tanto persoal dalgúns deses homes de Nós.

