Sinopse de Dende Auria. Reflexións sobre arqueoloxía e historia 1
O autor achega os primeiros artigos cos que colaborou na sección “Ilustres” do xornal Faro de Vigo. Todos comparten un denominador común co Patrimonio Cultural e no libro aparecen agrupados de forma temática: as “historias de Ourense”, centradas na historia da cidade, as “pinceladas da cidade”, con episodios concretos do pasado urbano, a “provincia”, onde nos achega a algúns espazos e lugares arqueolóxicos e nos propón unha ruta monumental pola comarca da Baixa Limia, o “método arqueolóxico”, que de forma didáctica aborda a arqueoloxía como disciplina científica, os métodos de datación ou os ecofactos, outro tipo de elementos arqueolóxicos. En “máis alá dos restos arqueolóxicos” ensaia outros asuntos relacionados co patrimonio cultural, sen esquecer o significado da lexislación arqueolóxica que recolle no apartado “lexislación”, así como a pegada que nel deixaron “dous mestres”, Xaquin Lorenzo e Florentino Cuevillas e un obituario, “unha despedida”, que dedica á súa amiga Elvira Cuevillas.
A obra foi escollida polo Consello Asesor de publicacións da Deputación no Concurso para selección de obras para a súa edición ou coedición pola Deputación no ano 2015.




