Sinopse de Polas rutas do polbo e dos polbeiros tradicionais en Ourense
A Deputación edita traballo que, Xosé Antonio Fidalgo Santamariña, deixou antes do seu pasamento, coa intención de que fose publicado.
Trátase dun estudo moi completo, froito de máis de vinte e cinco anos de investigación do autor sobre o tema do polbo en toda a súa dimensión, que vai desde a morfoloxía e bioloxía do animal, continúa pola forma de captura e artes de pesca, a súa almacenaxe, transporte ou distribución, e chega ata a súa preparación e venda nas feiras e festas. O autor fai, ademais, unha referencia especial ao oficio das polbeiras, estudando en profundidade as de Santa María e San Xoán de Arcos, tamén as doutras parroquias lindeiras co concello do Carballiño, que son as terras nas que se atopa a orixe desta interesante actividade. Como poderá apreciarse coa lectura da obra, esta constitúe un valioso traballo de campo no que o autor se achega ás xentes e ao oficio, tendo en conta a todos os actores do proceso. Con esta publicación a Deputación conmemora os 50 anos dunha das principais festas da provincia, a Festa do Polbo do Carballiño, e ademais réndelle homenaxe a un etnógrafo, Fidaldo Santamariña, que traballou moito por Ourense e merece o noso recoñecemento.


