Sinopse de Cemiterios esquecidos. O fenómeno tumulario na comarca do Arenteiro
Sorprende ver como é posible que existan tantas mámoas localizadas preto da terra que miramos e pisamos a diario e que agora se nos presentan nesta obra. Nada diso sería posible de non existir previamente un traballo profesional de catalogación deses elementos espallados polo territorio. O traballo de Jorge Lamas é o paso necesario para que os habitantes desta terra, os investigadores e aquelas persoas interesadas en xeral nestes temas poidan coñecer unha boa parte do noso mundo prehistórico.
Teñen diante unha ferramenta fundamental, dotada dunha metodoloxía moi pedagóxica, exhaustiva de traballo de campo e moi profesional dende a perspectiva do investigador.
O traballo é dunha excelente catalogación, un traballo preventivo que co seu coñecemento salvará de seguro moitos destes elementos da súa desaparición; o que algúns especialistas definen actualmente como «protección preventiva», é dicir dar a coñecer para dende ese momento comezar a salvar o recurso, neste caso un recurso caracterizado pola súa fraxilidade diante do home coma no propio medio no que se atopa. Unha obra de referencia que axudará a coñecer e preservar o noso legado cultural milenario.

