Sinopse de Los perdedores. La represión política en Galicia en el siglo XIX
A obra foi elixida para a súa edición no concurso de publicacións da Deputación de Ourense do ano 2016.
O autor expresa, nestas páxinas, que pretende xustificar por que optou polo modelo rexional galego para o estudo da represión política no século XIX. Comenta que as rexións históricas configuráronse sempre como unidades espaciais integradas, formadas por relacións socioeconómicas nas que, no caso de Galicia, a persistencia do foro como contrato básico da terra determina un modo de sociabilidade atípico. A presenza dun Capitán Xeral, dunha Real Audiencia e un Intendente exclusivamente destinados a Galicia confirman a visión que o Estado absolutista tiña dos antigos reinos. No seu interior a división provincial en sete unidades (Santiago, Coruña, Betanzos, Lugo, Ourense, Mondoñedo e Tui), a rede señorial e as divisións comarcal e parroquial garantían a organización social. Únase a isto o uso dunha lingua propia, que asegura a comunicación interior e, en certa maneira, illa do exterior para ter configurados os trazos máis sobresalientes dun modelo rexional.
Comenta como a transición política do Antigo Réxime cara á modernidade foi inducida desde a capital de España, pero o seu desenvolvemento foi sempre de carácter rexional. A oposición entre liberalismo e absolutismo atopou en cada rexión unha determinada resposta que non viña inducida desde a capital, senón que correspondía aos intereses das elites, ao nivel da intelectualidade e á disposición da gran masa campesiña en cada unha destas rexións. Pretende que este libro non sexa só un relato histórico dun dos períodos máis turbulentos do século XIX, e quere que sexa, ao mesmo tempo, unha reflexión sobre a violencia política.


